Cookies

Noticias 

© FEI | 23/01/2024 | Concerto Solidario

Banco Mediolanum organiza un concerto solidario para financiar o proxecto Entre Patios

Os xustificantes para acceder ao recital pódense adquirir a través da plataforma migranodearena.org

23/01/2024

Mediolanum Aproxima, a iniciativa solidaria de Banco Mediolanum, organiza un concerto solidario para colaborar coa fundación Érguete-Integración na financiación do seu proxecto Entre Patios.

O acto celebrarase o 2 de febreiro, a partir das 21 horas, na sala Máster de Vigo, e contará coas actuacións de dous recoñecidos grupos da escena viguesa: La Chata Soul, banda que reivindica a súa alma internacional con bases no blues, soul ou funky e Jay Doe & The Blues Preachers, un conxunto formado por músicos de ampla experiencia que se unen para tocar blues de raíz afroamericana.

Para acceder ao recital debe realizarse unha doazón mínima de 15 € a través da plataforma migranodearena.org e descargar o xustificante da mesma, que funcionará a modo de entrada o día do concerto. Entre todas aquelas persoas que participen, sortearanse dúas camisetas do RC Celta de Vigo e, as primeiras 30 doazóns de 100 ou máis euros, recibirán unha botella de Ribera del Duero crianza de gama alta. Cabe recordar que todas as persoas físicas poden deducirse o 80 % da súa aportación ata os primeiros 250 euros e o 40 % para o resto.

O obxectivo final deste evento solidario é a recadación de 3.500 euros para financiar o proxecto Entre Patios, unha iniciativa creada pola Fundación Érguete-Integración coa finalidade de contribuír ao proceso de reinserción social de persoas internas no centro penitenciario de Teixeiro, a través da humanización de patios de centros educativos. Ademais, a Fundación Mediolanum comprométese a multiplicar por dous a recadación obtida co reto solidario.
 

Arquivada en:
Infórmate > Noticias